lunes, 26 de marzo de 2012

O Homo Oeconomicus


O termo Homo Oeconomicus é o que emprega a economía neoclásica para modelizar o comportamento humano. Deste xeito, o Homo Oeconomicus é un home completamente racional, que só procura a maior eficiencia económica e que coñece toda a información necesaria para poder tomar as decisións máis correctas. Con todo, este suposto que emprega a economía conta con numerosas críticas posto que na realidade, o individuo actúa de xeito diferente e efectúa as súas eleccións nun contexto de incertidume e racionalidade limitada. Un dos detractores deste suposto é Jose Luis Sampedro, economista que abandona a corrente neoliberal para adoptar un enfoque máis humanista da ciencia económica.
Así, no libro Economía Humanista Sampedro reflexiona sobre o feito de que non se consideran moitas variables que son relevantes na análise económica e que se adopta unha perspectiva estática co fin de non complicar os seus modelos e dotalos de maior rigor, renunciando deste xeito ao realismo. Este é o caso da teoría do consumo, na cal se presupón que os consumidores son libres e que nas súas decisións tan só interveñen as súas preferencias, obviando o feito de que estas están influenciadas pola publicidade e que a liberdade non é tal. O mesmo ocorre ca variable “poder”, que tampouco é considerada na análise económica, pero que é fundamental na toma de decisións colectivas, e por tanto tamén no estudo desta disciplina.
Sampedro realiza tamén unha crítica ao mercado como lugar no cal se acada o benestar colectivo como suma dos intereses individuais, mantendo que esta institución non dá a liberdade, xa que a liberdade para existir ten que ser colectiva e este sistema capitalista caracterízase por ser, en esencia, individualista. Que opinión vos merecen estas consideracións? Pensades que o feito de se presupoña que o individuo actúa de feito complentamente réstalle realismo á ciencia económica? Credes que este tipo de hipóteses deben empregarse nas ciencias sociais?
Enlázovos unha entrevista que lle fixo Iñaki Gabilondo a Jose Luis Sampedro. É un pouco longa pero ao meu xuízo moi interesante, na que dá a súa opinión sobre temas de actualidade dende unha perspectiva humanista. Invítovos a velo e a que comentedes que vos parece.

http://www.youtube.com/watch?v=TOynMKesxtw&feature=related

5 comentarios:

  1. José Luis Sampedro é unha boa opción se queremos ver a Economía dende outro punto de vista. É evidente que a realidade dos individuos non é tan simple como a que nos ensinan nas facultades de Economía.
    Convídote a ler o libro "Indignádevos". É curto pero dá conta de "enganos" que a diario escoitamos nos medios, e contra os que todos nos deberiamos manifestar.

    ResponderEliminar
  2. Interesante posición crítica. Pero como podemos relacionar todo esto coa Costa da Morte e as relacións de xénero. Cres que existe un Home Oeconomicus e unha Muller Oeconomicus? e na Costa da Morte que acontece con esto?

    ResponderEliminar
  3. Moitas grazas, Marta! Pois logo tereino que ler, porque semella moi interesante. Con respecto a se existe un home e muller Oeconomicus, supoño que o termo é válido para ambos, é un suposto de partida no que o individuo actúa de xeito completamente racional, e este comportamento é independente do xénero.

    No contexto da Costa da Morte, ao igual que acontece en moitos lugares, tómanse decisións no eido do desenvolvemento rexional seguindo esta óptica, centrada únicamente na eficiencia de carácter económico, obviando moitas outras dimensións máis dificilmente medibles máis non por iso menos importantes. Deste xeito empréndense proxectos que moitas veces son rendibles económicamente, pero cuxo impacto para a sociedade é escaso.

    ResponderEliminar
  4. En canto ao relacionado aoo home e muller Oeconomicus, penso firmemente que este tipo de comportamentos danse en ambos sexos, ademais de que en calquer parte do mundo, incluindo a costa da morte, xa que os humanos vemos como nos movemos por impulsos, emocións, paixóns... e non sempre pola razón teórica como din os expertos.

    ResponderEliminar
  5. Opino coma ti, Juanjo. Seguramente é máis doado de modelizar o comportamento dun ser completamente racional, pero iso non é o máis realista. É importante que sexamos coñecedores das propias limitacións da teoría económica.

    ResponderEliminar