jueves, 8 de marzo de 2012

Día Internacional da Muller




Hoxe celébrase en todo o mundo o Día da Muller. Dita celebración ten a súa orixe no día 8 de marzo de 1857, cando un grupo de mulleres de Nova York, operarias da industria téxtil botáronse á rúa para protestar polas malas condicións de traballo. A partir desta data sucedéronse diversos movementos que reivindicaban unha mellora nas condicións laborais, e finalmente, en 1910, con motivo da Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras declarouse o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. 

En 2012, máis dun século despois, esta celebración segue a ter sentido, xa que a desigualdade entre homes e mulleres segue a existir.  As mulleres seguen a soportar a meirande parte da carga do traballo doméstico e do coidado da familia, o cal dificulta enormemente a súa inserción no mundo laboral, sobre todo naqueles postos de responsabilidade e nos que se espera dela plena adicación. Ademais disto, as mulleres que teñen un traballo remunerado, adoitan ter unhas condicións laborais peores e mesmo, o seu salario é en ocasións inferior.

No tema que ocupa a este blog, o desenvolvemento da Costa da Morte, pensó que este non pode ser entendido sen igualdade de xénero xa que  a muller ten moito que dicir en canto á dinamización da nosa rexión. Precisamos mulleres emprendedoras, que se comprometan con proxectos novos, que non teñen por que ser empresariais necesariamente, calquera iniciativa que contribúa ao benestar colectivo pode mellorar a nosa bisbarra. O feito de que ata fai pouco, esta tarefa fose reservada aos homes non debe desalentarnos, o camino cara a igualdade é longo e aínda quedan moitos obstáculos que salvar. Por iso non debemos deixar de reivindicar os nosos dereitos e nin deixar de repetirnos a nós mesmas que podemos facelo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario