miércoles, 2 de mayo de 2012

“O primerio paso para a igualdade non é educar aos homes, senón ás mulleres”




A entrada de hoxe é moi especial, xa que tiven a gran oportunidade de lle facer unhas preguntas a Déborah Morate Núñez,  secretaria da Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade da cal falei nunha entrada anterior, e que está a realizar unha importantísima labor en prol da igualdade de xénero nesa localidade. Dende aquí aproveito para darlle as grazas por atenderme tan amablemente. A continuación expoño en detalle a entrevista, coa que persoalmente aprendín moito e coa que estou segura de que vós tamén o faredes.

P. Cres que a muller no medio rural está igual de valorada e ten as mesmas oportunidades que no medio urbano?

R. Non, de entrada no medio urbano a muller ten máis acceso a formación, traballo, ocio, etcétera.  Ademais é unha maneira de vivir máis independente e persoal, mentres que no medio rural a vida da muller é máis pública e polo tanto sufre de máis presión da sociedade. A valoración da muller no medio rural tamén é distinta xa que en moitos sitios só se contempla a súa labor doméstica, aínda non se entende que a muller poida necesitar algo máis que a familia para sentirse realizada.

         P. Dende a túa posición na asociación, percibes moito machismo no entorno de Camariñas e da Costa da Morte en xeral?

R. Desgraciadamente o machismo aínda é moi común, e iso que na maioría dos pobos pesqueiros vivimos nunha sociedade matriarcal, na que a muller carga non só co peso da familia senón co de moito traballo, inclusive na economía familiar. Pero ao mesmo tempo na maioría dos pobos pesqueiros séguese a ter unha maneira de pensar moi pechada, na que aínda que a muller traballe tanto ou máis que o home e teña que tomar moitas decisións ela soa, pola ausencia do home, que esta no mar, non se valoriza o seu traballo e segue estando en segundo lugar. A muller ten que facer todas esas cousas porque "é o seu deber", e así as educan polo que aínda seguimos moi atrasados nese punto en comparación coas cidades ou pobos máis grandes.

Nesta comarca o primeiro paso para a igualdade que estamos levando a cabo, non é educar aos homes para a igualdade, senón que estamos empezando polas mulleres, para que moitas delas que aínda non o saben, descubran que hai outra forma de vivir.

 P. Cales son, ao teu xuízo, as principais trabas coas que se atopan as mulleres na Costa da Morte?

R. A formación e o ocio, neste caso, a maioría do ocio destinado ás mulleres só contempla actividades popularmente destinadas ás mulleres como costura e o bordado. Ademais tamén son moi importantes os problemas para conciliar a vida laboral e familiar e outros.

P. Cres que a situación de desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres tende a reducirse co paso dos anos?

R. Grazas a Deus que si, o que pasa é que é un camiño moi, moi longo, e os pasiños son moi, moi pequeniños. Con todo, a desigualdade non se reduce por si soa co paso do tempo, senón que creo que con cada actividade que facemos nós ou calquera outra entidade vanse abrindo camiños e facendo adiantos, aínda que só logremos facer pensar a xente, eu considero que por pouco que se faga, sempre é un graíño de area que se arrima á montaña.

          P. Falando da importante labor que estades a desenvolver na vosa asociación, que proxectos ides levar a cabo proximamente?

R. Imos realizar unhas xornadas de mulleres emprendedoras, pero dándolle unha orientación moi distinta ás que celebramos ano pasado. Tamén imos levar a cabo unha campaña de sensibilización contra a violencia de Xénero ao longo do mes de novembro, e polo de agora, que estea concretado, nada máis, pero estamos abertas a distintas posibilidades.


Déixovos o enlace á web da Asociación de Mulleres de Camariñas pola igualdade, onde podedes atopar moita información sobre a mesma e as súas máis que interesantes iniciativas.