miércoles, 6 de junio de 2012

Como difundir a innovación?




Se algo está claro é que a innovación é a chave do desenvolvemento económico e social dun territorio, xa que constitúe unha fonte inesgotable de cambios. Por iso, precisamente, a difusión e divulgación da mesma ten unha enorme importancia neste proceso. Neste contexto, o Centro de Coñecemento da Costa da Morte tenta poñer ao cidadán como protagonista da innovación, e isto require explicala e que o cidadán sexa quen de entendela.

Unha labor tan importante coma esta pode parecer, nun primeiro momento, sinxela, máis nun territorio como é a Costa da Morte, eminentemente rural, onde a poboación se atopa moi dispersa e en moitos casos non se atopa moi familiarizada coas novas tecnoloxías da información e da comunicación, non o é tanto. Co obxectivo de saltar os obstáculos que separan aos cidadáns da nosa comarca da innovación, o C3M propón varias iniciativas.

En primeiro lugar, dito centro, contará cun horario de apertura moi amplo no que terán lugar moitas actividades ás cales todo o mundo, dende nenos ata maiores, pasando por empresas e en definitiva, o conxunto da sociedade, terá cabida. Entre estas actividades celebraranse seminarios, conferencias e debates que sexan útiles sirvan para enriquecer o proceso da innocación.  Por outra parte, para combatir o problema do elevado grao de dispersión da poboación rural, o Centro de Coñecemento da Costa da Morte  contará cunha sé portátil para que todos os cidadáns teñan acceso a coñecer de primeira man o que significa a innovación.

Outra iniciativa que propón esta institución é a de construír un Banco de Ideas. Isto consiste en poñer en relación a profesionais e a equipos que posúen idas concretas con empresas que contan con capacidade de impulso, posibilidades financeiras, equipamentos técnicos ou mercados potenciais. Deste xeito, todo aquel  que teña unha idea pode buscar socios, financiamento, recursos humanos e todo o necesario para materializala.

Na miña opinión, todas estas ideas son moi interesantes pero teño as miñas dúbidas ao respecto de se poderán chegar a levarse a cabo, posto que sobre o papel todo é moi sinxelo, pero na realidade existen moitas trabas que poden obstaculizar estes procesos de difusión, e cómpre contar con moitos apoios. Por exemplo, no caso do Banco de Ideas, é imprescindible a colaboración das empresas, e na época de crise económica que estamos a vivir pode resultar complicado.

Que opinades vós? Credes que o C3M será quen de lograr a difusión da innovación? Cales serán as principais barreiras coas que pensades que se vai a atopar?

Enlázovos a un vídeo que atopei sobre o Centro de Coñecemento da Costa da Morte, por se queredes coñecelo máis en profundidade.

miércoles, 2 de mayo de 2012

“O primerio paso para a igualdade non é educar aos homes, senón ás mulleres”




A entrada de hoxe é moi especial, xa que tiven a gran oportunidade de lle facer unhas preguntas a Déborah Morate Núñez,  secretaria da Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade da cal falei nunha entrada anterior, e que está a realizar unha importantísima labor en prol da igualdade de xénero nesa localidade. Dende aquí aproveito para darlle as grazas por atenderme tan amablemente. A continuación expoño en detalle a entrevista, coa que persoalmente aprendín moito e coa que estou segura de que vós tamén o faredes.

P. Cres que a muller no medio rural está igual de valorada e ten as mesmas oportunidades que no medio urbano?

R. Non, de entrada no medio urbano a muller ten máis acceso a formación, traballo, ocio, etcétera.  Ademais é unha maneira de vivir máis independente e persoal, mentres que no medio rural a vida da muller é máis pública e polo tanto sufre de máis presión da sociedade. A valoración da muller no medio rural tamén é distinta xa que en moitos sitios só se contempla a súa labor doméstica, aínda non se entende que a muller poida necesitar algo máis que a familia para sentirse realizada.

         P. Dende a túa posición na asociación, percibes moito machismo no entorno de Camariñas e da Costa da Morte en xeral?

R. Desgraciadamente o machismo aínda é moi común, e iso que na maioría dos pobos pesqueiros vivimos nunha sociedade matriarcal, na que a muller carga non só co peso da familia senón co de moito traballo, inclusive na economía familiar. Pero ao mesmo tempo na maioría dos pobos pesqueiros séguese a ter unha maneira de pensar moi pechada, na que aínda que a muller traballe tanto ou máis que o home e teña que tomar moitas decisións ela soa, pola ausencia do home, que esta no mar, non se valoriza o seu traballo e segue estando en segundo lugar. A muller ten que facer todas esas cousas porque "é o seu deber", e así as educan polo que aínda seguimos moi atrasados nese punto en comparación coas cidades ou pobos máis grandes.

Nesta comarca o primeiro paso para a igualdade que estamos levando a cabo, non é educar aos homes para a igualdade, senón que estamos empezando polas mulleres, para que moitas delas que aínda non o saben, descubran que hai outra forma de vivir.

 P. Cales son, ao teu xuízo, as principais trabas coas que se atopan as mulleres na Costa da Morte?

R. A formación e o ocio, neste caso, a maioría do ocio destinado ás mulleres só contempla actividades popularmente destinadas ás mulleres como costura e o bordado. Ademais tamén son moi importantes os problemas para conciliar a vida laboral e familiar e outros.

P. Cres que a situación de desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres tende a reducirse co paso dos anos?

R. Grazas a Deus que si, o que pasa é que é un camiño moi, moi longo, e os pasiños son moi, moi pequeniños. Con todo, a desigualdade non se reduce por si soa co paso do tempo, senón que creo que con cada actividade que facemos nós ou calquera outra entidade vanse abrindo camiños e facendo adiantos, aínda que só logremos facer pensar a xente, eu considero que por pouco que se faga, sempre é un graíño de area que se arrima á montaña.

          P. Falando da importante labor que estades a desenvolver na vosa asociación, que proxectos ides levar a cabo proximamente?

R. Imos realizar unhas xornadas de mulleres emprendedoras, pero dándolle unha orientación moi distinta ás que celebramos ano pasado. Tamén imos levar a cabo unha campaña de sensibilización contra a violencia de Xénero ao longo do mes de novembro, e polo de agora, que estea concretado, nada máis, pero estamos abertas a distintas posibilidades.


Déixovos o enlace á web da Asociación de Mulleres de Camariñas pola igualdade, onde podedes atopar moita información sobre a mesma e as súas máis que interesantes iniciativas.

lunes, 30 de abril de 2012

A Costa da Morte véndese?




O marketing territorial é un concepto relativamente novo, que nace do “matrimonio” entre a Xeografía Humana e a Ciencia Económica. Trátase dunha ferramenta moi útil que ten como obxectivo a busca do desenvolvemento sostible do territorio sendo a súa finalidade última a satisfacción dos cidadáns, turistas e inversores que demandan o territorio para distintos fins.

Esta técnica consiste en aplicar o marketing tan frecuentemente empregado nas empresas sobre un territorio, que pode ser un Estado, unha rexión ou unha cidade. Baséase na idea de que os territorios compiten por recursos financeiros e humanos con outro territorios para compracer aos seus cidadáns e atraer clientes e inversores.  A única diferenza co marketing empresarial é que no caso do marketing territorial as plusvalías xeradas repártense colectivamente, polo que podemos dicir que se trata dunha ferramenta que está ao servizo do ben común.

O marketing territorial promove a identidade do territorio, xa que é unha condición necesaria para poder emprender un proxecto colectivo destas características, e por tanto crear unha imaxe de marca-territorio que se vincule a un sentimento ou a un determinado estilo de vida. Deste xeito, o territorio convértese nun produto, e se crea no consumidor ganas de consumilo.

A Costa da Morte podería ser un bo lugar que vender a cidadáns en xeral, investidores e a turistas, xa que ten un gran potencial de recursos que non están todo o explotados que deberían. Nunha zona como é a nosa comarca, que está a perder poboación, na que a xente xove emigra para encontrar un futuro mellor e na que non hai iniciativas empresariais que dinamicen a economía, o marketing territorial pode ser unha boa alternativa. Crear unha marca Costa da Morte coa que todos os habitantes, institucións e empresas nos identifiquemos e coa que transmitamos o noso estilo de vida pode ser a chave do desenvolvemento da bisbarra e, quizais, un paso cara a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Credes que o marketing territorial sería unha boa opción para contribuír ao desenvolvemento da Costa da Morte? Existe na nosa comarca a identidade territorial necesaria para aplicar este instrumento? Pensades que a aplicación do marketing territorial na Costa da Morte tería efectos sobre a igualdade entre homes e mulleres?

jueves, 26 de abril de 2012

Existe igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no rural? A Asociación de Mulleres de Camariñas





No contexto do rural, a difusión da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é especialmente difícil, pois persiste en moitos casos unha gran mentalidade machista, nas que as tarefas e as iniciativas das mulleres non son valoradas merecidamente, e o seu traballo vese como unha extensión do traballo doméstico. Na miña opinión, o desenvolvemento da Costa da Morte non pode ser entendido sen darlle á muller o papel que lle corresponde neste proceso, que creo que é fundamental.

Gustaríame falar dunha iniciativa moi importante no eido da igualdade de xénero na nosa comarca, que é a que está a desenvolver a Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade. Esta asociación comeza a súa andadura en decembro de 2008, formada por un grupo de mulleres cuxo obxectivo é o de loitar por mellorar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, con especial énfase na sociedade de camariñá. Deste xeito, a asociación intenta dinamizar o compromiso coa igualdade  entre mulleres e homes, loitar contra a violencia machista e mellorar a vida das mulleres que viven no rural.

A  Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade realiza numerosas actividades de gran interese social ademais das concentracións con motivo do Día da Muller Traballadora. Exemplo destas actividades son as Xornadas de Experiencias de Mulleres Emprendedoras que tiveron lugar o pasado ano e nas cales se pretendían difundir experiencias no marco do desenvolvemento e emprendemento feminino na comarca, e os Premios “Muller pola Igualdade” nos que se pretende render unha homenaxe a mulleres que contribuíron a dignificar a figura da muller camariñá.

Penso que no eido do desenvolvemento do rural, o papel desta Asociación é moi importante, porque  con estes proxectos contribúese a difundir unha imaxe máis moderna da muller, máis independente e máis emprendedora, na que se teñen que ver reflectidas todas as mulleres, e axuda a cambiar a mentalidade existente que está a limitar a igualdade de oportunidades.

Pensades que a muller no medio rural está igual de valorada e ten as mesmas oportunidades que no medio urbano? Que credes que acontece na Costa da Morte? Credes que iniciativas como as levadas a cabo pola Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade son importantes para dignificación da muller? Que actividades ou proxectos propoñedes para fomentar a igualdade entre homes e mulleres? 

jueves, 19 de abril de 2012

A orixe do Centro de Coñecemento da Costa da Morte






Nunha entrada anterior xa tiña falado do último proxecto da Asociación Neria, o Centro de Coñecemento da Costa da Morte (c3M). Este centro nace coa finalidade de achegar a innovación, tecnoloxía e TIC´s á cidadanía, empresarios e novos emprendedores. Así, o c3M vai a ser un espazo aberto e colaborativo, no cal se reúnan e relacionen os intereses da cidadanía, empresa, docencia e investigación tendo en conta as necesidades dos distintos grupos sociais e os emprendedores.

O Centro de Coñecemento da Costa da Morte está inspirado noutro centro que se puxo en marcha en 1997 en Cornellá de Llobregat (Barcelona),  o centro Citilab. O c3M intenta, deste xeito,  adaptar a filosofía desa iniciativa ao territorio e ás necesidades da Costa da Morte. Así, Citilab é unha mestura entre centro de formación, centro de investigación e viveiro de iniciativas empresariais e sociais, que ten como obxectivo a difusión e fomento da sociedade do coñecemento, de xeito que a Internet é considerada como un medio de innovación de carácter colaborativo e integrador no que o cidadán é o centro do proceso. Convídovos a ver este vídeo no cal Jose Antonio Gálaso, responsable de proxectos de citilab da máis detalles sobre esta iniciativa.




En canto ao financiamento do Centro de Coñecemento da Costa da Morte, o proxecto nace cofinanciado polo Plan Avanza do Ministerio de Industria, que aporta 1,2 millóns de euros. Con todo, o obxectivo é que este centro poida autofinanciarse. Así, espérase que o financiamento do c3M proveña de varias fontes como proxectos de concurrencia competitiva en convocatorias a nivel autonómico, estatal, europeas e iberoamericanas, convenios con empresas e organismos públicos, acordos con empresas para desenvolver iniciativas mediante modelos de coxestión e servizos baseados na innovación que respalden proxectos emprendedores.

No caso do colectivo de mulleres da Costa da Morte, creo que este proxecto pode beneficialas dun xeito moi especial, xa que aínda hai moitas que non están familiarizadas cas novas tecnoloxías, e que poderán aproveitar as vantaxes da sociedade do coñecemento co apoio deste centro, e quizais emprender novos proxectos que enriquezan o noso entorno.

Que opinades desta iniciativa? Credes que o c3M na Costa da Morte será quen de levar a cabo unha iniciativa similar á de Citilab en Cornellá? Como valorades o feito de que o c3M queira autofinanciarse e non depender integramente de axudas de carácter público?

lunes, 26 de marzo de 2012

O Homo Oeconomicus


O termo Homo Oeconomicus é o que emprega a economía neoclásica para modelizar o comportamento humano. Deste xeito, o Homo Oeconomicus é un home completamente racional, que só procura a maior eficiencia económica e que coñece toda a información necesaria para poder tomar as decisións máis correctas. Con todo, este suposto que emprega a economía conta con numerosas críticas posto que na realidade, o individuo actúa de xeito diferente e efectúa as súas eleccións nun contexto de incertidume e racionalidade limitada. Un dos detractores deste suposto é Jose Luis Sampedro, economista que abandona a corrente neoliberal para adoptar un enfoque máis humanista da ciencia económica.
Así, no libro Economía Humanista Sampedro reflexiona sobre o feito de que non se consideran moitas variables que son relevantes na análise económica e que se adopta unha perspectiva estática co fin de non complicar os seus modelos e dotalos de maior rigor, renunciando deste xeito ao realismo. Este é o caso da teoría do consumo, na cal se presupón que os consumidores son libres e que nas súas decisións tan só interveñen as súas preferencias, obviando o feito de que estas están influenciadas pola publicidade e que a liberdade non é tal. O mesmo ocorre ca variable “poder”, que tampouco é considerada na análise económica, pero que é fundamental na toma de decisións colectivas, e por tanto tamén no estudo desta disciplina.
Sampedro realiza tamén unha crítica ao mercado como lugar no cal se acada o benestar colectivo como suma dos intereses individuais, mantendo que esta institución non dá a liberdade, xa que a liberdade para existir ten que ser colectiva e este sistema capitalista caracterízase por ser, en esencia, individualista. Que opinión vos merecen estas consideracións? Pensades que o feito de se presupoña que o individuo actúa de feito complentamente réstalle realismo á ciencia económica? Credes que este tipo de hipóteses deben empregarse nas ciencias sociais?
Enlázovos unha entrevista que lle fixo Iñaki Gabilondo a Jose Luis Sampedro. É un pouco longa pero ao meu xuízo moi interesante, na que dá a súa opinión sobre temas de actualidade dende unha perspectiva humanista. Invítovos a velo e a que comentedes que vos parece.

http://www.youtube.com/watch?v=TOynMKesxtw&feature=related

miércoles, 21 de marzo de 2012

O Plan Estratéxico de Galicia



O Plan Estratéxico de Galicia (PEG) trátase dun documento aberto de planificación económica no cal se reflicten como obxectivos propios os principios da Estratexia 2020 da Unión Europea. Con este Plan téntase conseguir un incremento da riqueza de Galicia e o benestar dos seus cidadáns a través dun aumento da competitividade, da produtividade e máis da innovación.

Para acadar este obxectivo tan xeneral, o Plan establece cinco eixos de actuación: cohesión social, benestar e calidade de vida; dinamización económica, crecemento e emprego; economía do coñecemento, sustentabilide ambiental e equilibrio territorial e administración austera, eficiente e próxima ao cidadán. Estes, a súa vez, ramificaranse en dezaseis obxectivos estratéxicos.

Neste documento, sobre todo no apartado que se refire á economía do coñecemento, fálase constantemente da importancia das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación como ferramenta indispensable para gañar en produtividade e mellorar a calidade de vida dos galegos. Penso que o obxectivo de achegar estas novas tecnoloxías á poboación galega  é moi importante tamén para a Costa da Morte, unha zona bastante rural na cal é imposible que exista desenvolvemento sen innovación, e as novas tecnoloxías son un factor clave para poder conseguilo.

 Outro aspecto que recolle o Plan, de sumo interese para Galicia e en particular para a nosa bisbarra, é a solución aos problemas de compatibilización da vida laboral e familiar que adoitan a ter as mulleres e que se traducen en baixas taxas de emprego.  Nun contexto de avellentamento, que sobre todo se está a dar no rural, é importante que a muller poida ter fillos sen ter que renunciar a súa carreira profesional.

Na miña opinión, é moi positivo que se fagan documentos deste tipo, nos cales se marquen as liñas de actuación para acadar unha situación desexada, mais creo que con isto non abonda, pois é necesario que se implementen medidas máis concretas coas que se poidan acadar os obxectivos.

Pensades que o Plan Estratéxico de Galicia pode ter unha repercusión positiva no medio e longo prazo na Costa da Morte? Credes que os poderes públicos serán quen de materializar este plan en medidas concretas?