lunes, 26 de marzo de 2012

O Homo Oeconomicus


O termo Homo Oeconomicus é o que emprega a economía neoclásica para modelizar o comportamento humano. Deste xeito, o Homo Oeconomicus é un home completamente racional, que só procura a maior eficiencia económica e que coñece toda a información necesaria para poder tomar as decisións máis correctas. Con todo, este suposto que emprega a economía conta con numerosas críticas posto que na realidade, o individuo actúa de xeito diferente e efectúa as súas eleccións nun contexto de incertidume e racionalidade limitada. Un dos detractores deste suposto é Jose Luis Sampedro, economista que abandona a corrente neoliberal para adoptar un enfoque máis humanista da ciencia económica.
Así, no libro Economía Humanista Sampedro reflexiona sobre o feito de que non se consideran moitas variables que son relevantes na análise económica e que se adopta unha perspectiva estática co fin de non complicar os seus modelos e dotalos de maior rigor, renunciando deste xeito ao realismo. Este é o caso da teoría do consumo, na cal se presupón que os consumidores son libres e que nas súas decisións tan só interveñen as súas preferencias, obviando o feito de que estas están influenciadas pola publicidade e que a liberdade non é tal. O mesmo ocorre ca variable “poder”, que tampouco é considerada na análise económica, pero que é fundamental na toma de decisións colectivas, e por tanto tamén no estudo desta disciplina.
Sampedro realiza tamén unha crítica ao mercado como lugar no cal se acada o benestar colectivo como suma dos intereses individuais, mantendo que esta institución non dá a liberdade, xa que a liberdade para existir ten que ser colectiva e este sistema capitalista caracterízase por ser, en esencia, individualista. Que opinión vos merecen estas consideracións? Pensades que o feito de se presupoña que o individuo actúa de feito complentamente réstalle realismo á ciencia económica? Credes que este tipo de hipóteses deben empregarse nas ciencias sociais?
Enlázovos unha entrevista que lle fixo Iñaki Gabilondo a Jose Luis Sampedro. É un pouco longa pero ao meu xuízo moi interesante, na que dá a súa opinión sobre temas de actualidade dende unha perspectiva humanista. Invítovos a velo e a que comentedes que vos parece.

http://www.youtube.com/watch?v=TOynMKesxtw&feature=related

miércoles, 21 de marzo de 2012

O Plan Estratéxico de Galicia



O Plan Estratéxico de Galicia (PEG) trátase dun documento aberto de planificación económica no cal se reflicten como obxectivos propios os principios da Estratexia 2020 da Unión Europea. Con este Plan téntase conseguir un incremento da riqueza de Galicia e o benestar dos seus cidadáns a través dun aumento da competitividade, da produtividade e máis da innovación.

Para acadar este obxectivo tan xeneral, o Plan establece cinco eixos de actuación: cohesión social, benestar e calidade de vida; dinamización económica, crecemento e emprego; economía do coñecemento, sustentabilide ambiental e equilibrio territorial e administración austera, eficiente e próxima ao cidadán. Estes, a súa vez, ramificaranse en dezaseis obxectivos estratéxicos.

Neste documento, sobre todo no apartado que se refire á economía do coñecemento, fálase constantemente da importancia das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación como ferramenta indispensable para gañar en produtividade e mellorar a calidade de vida dos galegos. Penso que o obxectivo de achegar estas novas tecnoloxías á poboación galega  é moi importante tamén para a Costa da Morte, unha zona bastante rural na cal é imposible que exista desenvolvemento sen innovación, e as novas tecnoloxías son un factor clave para poder conseguilo.

 Outro aspecto que recolle o Plan, de sumo interese para Galicia e en particular para a nosa bisbarra, é a solución aos problemas de compatibilización da vida laboral e familiar que adoitan a ter as mulleres e que se traducen en baixas taxas de emprego.  Nun contexto de avellentamento, que sobre todo se está a dar no rural, é importante que a muller poida ter fillos sen ter que renunciar a súa carreira profesional.

Na miña opinión, é moi positivo que se fagan documentos deste tipo, nos cales se marquen as liñas de actuación para acadar unha situación desexada, mais creo que con isto non abonda, pois é necesario que se implementen medidas máis concretas coas que se poidan acadar os obxectivos.

Pensades que o Plan Estratéxico de Galicia pode ter unha repercusión positiva no medio e longo prazo na Costa da Morte? Credes que os poderes públicos serán quen de materializar este plan en medidas concretas?


jueves, 15 de marzo de 2012

A Asociación Neria


                                                                                       

A  Asociación Neria nace como iniciativa dun grupo de alcaldes da Costa da Morte no ano 1992, e ten como obxectivo promover o desenvolvemento social e económico desta comarca, canalizando os esforzos cara a mellora do nivel de benestar e da calidade de vida dos seus habitantes. Polo tanto, trátase dunha organización cun claro enfoque social.

A área de actuación desta asociación comprende 17 municipios: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas. Todos estes concellos teñen en común que son eminentemente rurais, motivo polo cal, Neria pon unha especial énfase no eido do desenvolvemento rural e na loita contra o despoboamento que se está a producir nestes espazos.




Ademais disto, a Asociación Neria leva a cabo moitas iniciativas, entre as cales cabe salientar a creación recentemente dun Centro de Coñecemento da Costa da Morte (C3M), co cal pretende ser partícipe dun fenómeno tan importante como é a Sociedade do Coñecemento, da que xa se falamos con anterioridade neste espazo. Deste xeito, o obxectivo deste proxecto é posibilitar que calquera galego emprender un proceso de innovación e que poida contar cos recursos necesarios para facelo, achegando ao cidadán ás novas tecnoloxías.

Dende este espazo invito a que as persoas da Costa da Morte opinen sobre a importante labor que está a realizar esta Asociación, e que aquelas que non son da comarca comenten se coñecen casos de asociacións que, como Neria, promovan o desenvolvemento dun territorio e que iniciativas están a realizar e con que resultados.

jueves, 8 de marzo de 2012

Día Internacional da Muller




Hoxe celébrase en todo o mundo o Día da Muller. Dita celebración ten a súa orixe no día 8 de marzo de 1857, cando un grupo de mulleres de Nova York, operarias da industria téxtil botáronse á rúa para protestar polas malas condicións de traballo. A partir desta data sucedéronse diversos movementos que reivindicaban unha mellora nas condicións laborais, e finalmente, en 1910, con motivo da Segunda Conferencia Internacional de Mulleres Traballadoras declarouse o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. 

En 2012, máis dun século despois, esta celebración segue a ter sentido, xa que a desigualdade entre homes e mulleres segue a existir.  As mulleres seguen a soportar a meirande parte da carga do traballo doméstico e do coidado da familia, o cal dificulta enormemente a súa inserción no mundo laboral, sobre todo naqueles postos de responsabilidade e nos que se espera dela plena adicación. Ademais disto, as mulleres que teñen un traballo remunerado, adoitan ter unhas condicións laborais peores e mesmo, o seu salario é en ocasións inferior.

No tema que ocupa a este blog, o desenvolvemento da Costa da Morte, pensó que este non pode ser entendido sen igualdade de xénero xa que  a muller ten moito que dicir en canto á dinamización da nosa rexión. Precisamos mulleres emprendedoras, que se comprometan con proxectos novos, que non teñen por que ser empresariais necesariamente, calquera iniciativa que contribúa ao benestar colectivo pode mellorar a nosa bisbarra. O feito de que ata fai pouco, esta tarefa fose reservada aos homes non debe desalentarnos, o camino cara a igualdade é longo e aínda quedan moitos obstáculos que salvar. Por iso non debemos deixar de reivindicar os nosos dereitos e nin deixar de repetirnos a nós mesmas que podemos facelo.