miércoles, 21 de marzo de 2012

O Plan Estratéxico de Galicia



O Plan Estratéxico de Galicia (PEG) trátase dun documento aberto de planificación económica no cal se reflicten como obxectivos propios os principios da Estratexia 2020 da Unión Europea. Con este Plan téntase conseguir un incremento da riqueza de Galicia e o benestar dos seus cidadáns a través dun aumento da competitividade, da produtividade e máis da innovación.

Para acadar este obxectivo tan xeneral, o Plan establece cinco eixos de actuación: cohesión social, benestar e calidade de vida; dinamización económica, crecemento e emprego; economía do coñecemento, sustentabilide ambiental e equilibrio territorial e administración austera, eficiente e próxima ao cidadán. Estes, a súa vez, ramificaranse en dezaseis obxectivos estratéxicos.

Neste documento, sobre todo no apartado que se refire á economía do coñecemento, fálase constantemente da importancia das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación como ferramenta indispensable para gañar en produtividade e mellorar a calidade de vida dos galegos. Penso que o obxectivo de achegar estas novas tecnoloxías á poboación galega  é moi importante tamén para a Costa da Morte, unha zona bastante rural na cal é imposible que exista desenvolvemento sen innovación, e as novas tecnoloxías son un factor clave para poder conseguilo.

 Outro aspecto que recolle o Plan, de sumo interese para Galicia e en particular para a nosa bisbarra, é a solución aos problemas de compatibilización da vida laboral e familiar que adoitan a ter as mulleres e que se traducen en baixas taxas de emprego.  Nun contexto de avellentamento, que sobre todo se está a dar no rural, é importante que a muller poida ter fillos sen ter que renunciar a súa carreira profesional.

Na miña opinión, é moi positivo que se fagan documentos deste tipo, nos cales se marquen as liñas de actuación para acadar unha situación desexada, mais creo que con isto non abonda, pois é necesario que se implementen medidas máis concretas coas que se poidan acadar os obxectivos.

Pensades que o Plan Estratéxico de Galicia pode ter unha repercusión positiva no medio e longo prazo na Costa da Morte? Credes que os poderes públicos serán quen de materializar este plan en medidas concretas?


2 comentarios:

  1. Pero e cales sos os compromisos financieiros do Plan Estratéxico de Galicia? e o sistema de avaliación, existe?

    ResponderEliminar
  2. Non existen, por iso creo que aínda que os propósitos sexan bos, non o van ser os resultados, xa que non hai nin orzamento, nin unhas medidas concretas coas que acadar obxectivos e menos aínda un sistema de avaliación. Creo que está ben que se planifique, pero creo que é fundamental que eses plans se poidan materializar en resultados, e está claro que para iso con este documento non abonda.

    ResponderEliminar