miércoles, 29 de febrero de 2012

O proxecto Granxa Familiar




Esta iniciativa é un gran exemplo de como as novas tecnoloxías poden contribuir á mellora no desenvolvemenento do medio rural, e por tanto, influír positivamente na calidade de vida das persoas que residen neste entorno. Na súa páxina web, http://www.granxafamiliar.com, podedes atopar toda a información relativa a este proxecto.

O proxecto Granxa Familiar nace no 2008 como consecuencia dunha investigación levada a cabo polo GIS-T  do IDEGA, da Universidade de Santiago de Compostela, na cal faise patente a importancia que teñen para moitas familias da nosa terra as rendas que obteñen da comercialización de parte da súa produción agraria.

Esta iniciativa ten como obxectivo solucionar o problema do inxusto tratamento que reciben as familias produtoras agrarias por parte dos intermediarios, os cales adquiren os seus produtos a prezos ínfimos e véndenos ao consumidor final a uns prezos moi elevados, apropiándose das rendas do agricultor.

Deste xeito, Granxa Familiar pretende establecer canles de información e de transmisión de rendas entre o medio rural e o urbano, contribuíndo a mellorar o benestar tanto das familias agrarias, que ven como o seu traballo é dignificado e xustamente valorado, como dos compradores, que obteñen alimentos frescos, de máxima calidade e a uns prezos inferiores aos que os poderían atopar en calquera establecemento.

Persoalmente, penso que os beneficios deste proxecto non se limitan unicamente a unha mellora da situación das familias propietarias das granxas e dos consumidores, senón que este contribúe a manter a agricultura tradicional, que forma parte da nosa cultura, a nosa idiosincrasia e, en definitiva, a nosa identidade como pobo.

A Costa da Morte é unha rexión eminentemente rural, onde moitas familias comercializan os seus excedentes agrícolas, credes que estarían dispostas a levar empregar as tecnoloxías da información para levar a cabo esta actividade? Que opinades do proxecto Granxa Familiar?


2 comentarios:

  1. Sabes si en granxafamiliar participan familias productoras da Costa da Morte?

    ResponderEliminar
  2. Polo que vin na web de granxafamiliar, hai dúas familias da Costa da Morte que participan no proxecto o cal paréceme moi interesante. Penso que ademais dos beneficios económicos, que son indubidables, tamén hai uns beneficios de carácter formativo, é dicir, o feito de achegar as novas tecnoloxías a estas familias para que poidan sacarlles proveito no seu día a día, xa sexa comerciando os seus produtos, accedendo a contidos que sexan útiles para o desenvolvemento do seu traballo, poñéndose en contacto con outros produtores... Gustaríame moito coñecer a opinión que estas familias teñen sobre o proxecto e como valoran esta experiencia.

    ResponderEliminar