jueves, 16 de febrero de 2012

A Sociedade da Información




Segundo Manuel Castells, catedrático de Socioloxía e Planificación Urbana e Rexional na Universidade de Berkeley, a Sociedade da Información é a forma específica de organización social na cal a xeración, o procesamento e a transmisión da información convértense nas fontes fundamentais da produtividade así como do poder, debido ás novas condicións tecnolóxicas que xorden neste período histórico.

Deste xeito, a Sociedade da Información ben podería equipararse á primeira Revolución Industrial, na cal se introduce a tecnoloxía do vapor. A internet, así coma as novas tecnoloxías, non só se introducen de forma transversal nos distintos sectores da economía coma unha forza produtiva directa, senón que constitúen un sector en si mesmo que dá emprego a multitude de persoas e que xera innumerables beneficios tanto económicos coma sociais.

A aparición da internet cambiou a lente coa que ollamos o noso entorno e introduciunos nun mundo totalmente globalizado no cal a información difúndese en décimas de segundo e a distancia xeográfica non supón unha traba na comunicación entre as persoas.  Con todo, e alén destas consideracións, penso que un dos principais beneficios que nos reportan as novas tecnoloxías ten que ver coa súa capacidade de se converteren en instrumentos de innovación, que sexan quen de axudar a resolver os problemas aos que se enfronta a nosa sociedade.

Como credes que poden contribuir as novas tecnoloxías ao desenvolvemento da Costa da Morte? Credes que estes mecanismos poden axudar a mellorar a calidade de vida e se cadra a dinamizar a economía da nosa bisbarra?

No hay comentarios:

Publicar un comentario