jueves, 19 de abril de 2012

A orixe do Centro de Coñecemento da Costa da Morte






Nunha entrada anterior xa tiña falado do último proxecto da Asociación Neria, o Centro de Coñecemento da Costa da Morte (c3M). Este centro nace coa finalidade de achegar a innovación, tecnoloxía e TIC´s á cidadanía, empresarios e novos emprendedores. Así, o c3M vai a ser un espazo aberto e colaborativo, no cal se reúnan e relacionen os intereses da cidadanía, empresa, docencia e investigación tendo en conta as necesidades dos distintos grupos sociais e os emprendedores.

O Centro de Coñecemento da Costa da Morte está inspirado noutro centro que se puxo en marcha en 1997 en Cornellá de Llobregat (Barcelona),  o centro Citilab. O c3M intenta, deste xeito,  adaptar a filosofía desa iniciativa ao territorio e ás necesidades da Costa da Morte. Así, Citilab é unha mestura entre centro de formación, centro de investigación e viveiro de iniciativas empresariais e sociais, que ten como obxectivo a difusión e fomento da sociedade do coñecemento, de xeito que a Internet é considerada como un medio de innovación de carácter colaborativo e integrador no que o cidadán é o centro do proceso. Convídovos a ver este vídeo no cal Jose Antonio Gálaso, responsable de proxectos de citilab da máis detalles sobre esta iniciativa.




En canto ao financiamento do Centro de Coñecemento da Costa da Morte, o proxecto nace cofinanciado polo Plan Avanza do Ministerio de Industria, que aporta 1,2 millóns de euros. Con todo, o obxectivo é que este centro poida autofinanciarse. Así, espérase que o financiamento do c3M proveña de varias fontes como proxectos de concurrencia competitiva en convocatorias a nivel autonómico, estatal, europeas e iberoamericanas, convenios con empresas e organismos públicos, acordos con empresas para desenvolver iniciativas mediante modelos de coxestión e servizos baseados na innovación que respalden proxectos emprendedores.

No caso do colectivo de mulleres da Costa da Morte, creo que este proxecto pode beneficialas dun xeito moi especial, xa que aínda hai moitas que non están familiarizadas cas novas tecnoloxías, e que poderán aproveitar as vantaxes da sociedade do coñecemento co apoio deste centro, e quizais emprender novos proxectos que enriquezan o noso entorno.

Que opinades desta iniciativa? Credes que o c3M na Costa da Morte será quen de levar a cabo unha iniciativa similar á de Citilab en Cornellá? Como valorades o feito de que o c3M queira autofinanciarse e non depender integramente de axudas de carácter público?

No hay comentarios:

Publicar un comentario