jueves, 26 de abril de 2012

Existe igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no rural? A Asociación de Mulleres de Camariñas





No contexto do rural, a difusión da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é especialmente difícil, pois persiste en moitos casos unha gran mentalidade machista, nas que as tarefas e as iniciativas das mulleres non son valoradas merecidamente, e o seu traballo vese como unha extensión do traballo doméstico. Na miña opinión, o desenvolvemento da Costa da Morte non pode ser entendido sen darlle á muller o papel que lle corresponde neste proceso, que creo que é fundamental.

Gustaríame falar dunha iniciativa moi importante no eido da igualdade de xénero na nosa comarca, que é a que está a desenvolver a Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade. Esta asociación comeza a súa andadura en decembro de 2008, formada por un grupo de mulleres cuxo obxectivo é o de loitar por mellorar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, con especial énfase na sociedade de camariñá. Deste xeito, a asociación intenta dinamizar o compromiso coa igualdade  entre mulleres e homes, loitar contra a violencia machista e mellorar a vida das mulleres que viven no rural.

A  Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade realiza numerosas actividades de gran interese social ademais das concentracións con motivo do Día da Muller Traballadora. Exemplo destas actividades son as Xornadas de Experiencias de Mulleres Emprendedoras que tiveron lugar o pasado ano e nas cales se pretendían difundir experiencias no marco do desenvolvemento e emprendemento feminino na comarca, e os Premios “Muller pola Igualdade” nos que se pretende render unha homenaxe a mulleres que contribuíron a dignificar a figura da muller camariñá.

Penso que no eido do desenvolvemento do rural, o papel desta Asociación é moi importante, porque  con estes proxectos contribúese a difundir unha imaxe máis moderna da muller, máis independente e máis emprendedora, na que se teñen que ver reflectidas todas as mulleres, e axuda a cambiar a mentalidade existente que está a limitar a igualdade de oportunidades.

Pensades que a muller no medio rural está igual de valorada e ten as mesmas oportunidades que no medio urbano? Que credes que acontece na Costa da Morte? Credes que iniciativas como as levadas a cabo pola Asociación de Mulleres de Camariñas pola Igualdade son importantes para dignificación da muller? Que actividades ou proxectos propoñedes para fomentar a igualdade entre homes e mulleres? 

3 comentarios:

  1. Moi interesante. Quén lidera a dita asociación? por que se creo e como? como se mantén? ten vinculación política? xorden interrogantes. Suxiro unha entrevista en profundiade coa presidenta.
    Cales son obxectivos desta asociación? e cales foron os seus logros?

    ResponderEliminar
  2. É moi importante crear asociacións deste tipo co fin de superar unha barreira coa a desigualdade sexual nun eido ao que, de por si, é difícil chegar. Por suposto que a muller no rural non está igual de valorada. Sen ir máis lonxe, e tras unha simple observación do meu entorno, a maioría das mulleres non teñen carné de conducir, non son co-propietarias das explotacións agrícolas, etc., o cal é imprescindible para a súa independencia social e económica. Algunha iniciativa que se deu, pero que aínda non logrou o seu cumio, foi a proposta da cotitulariade compartida, que primaba economicamente aquelas explotacións ou empresas familiares nas que ambos membros eran titulares. Por desgracia, moitas delas non se acolleron á iniciativa. Se queremos desenvolvemento rural, a igualdade é un paso imprescindible.

    ResponderEliminar
  3. Grazas pola suxestión da entrevista. De feito xa lla fixen á súa secretaria e informarei sobre todos eses interrogantes en vindeiras entradas.

    Con respecto ao teu comentario, Marta, paréceme moi interesante a túa observación, porque a verdade é que o problema da titularidade das explotacións era descoñecido para min, e penso que é un eido, ao igual que en tantos outros, no que se debería avanzar. Penso que en cuestións coma esta, organizacións como a que hai en Camariñas son fundamentais polo seu achegamento ás mulleres que habitan no medio rural e polo seu importante labor de difusión.

    A problemática do carné de conducir é bastante frecuente, tamén na miña zona. Persoalmente, penso que nun territorio tan disperso como é o rural galego, o carné de conducir é un elemento fundamental xa que dá á persoa que o posúe unha maior independencia. O feito de que moitas mulleres carezan del é indicativo da baixa autonomía que teñen as mulleres neste medio. Creo que este é un asunto sobre o que as asociacións de mulleres estaría ben que incidisen.

    ResponderEliminar