lunes, 30 de abril de 2012

A Costa da Morte véndese?




O marketing territorial é un concepto relativamente novo, que nace do “matrimonio” entre a Xeografía Humana e a Ciencia Económica. Trátase dunha ferramenta moi útil que ten como obxectivo a busca do desenvolvemento sostible do territorio sendo a súa finalidade última a satisfacción dos cidadáns, turistas e inversores que demandan o territorio para distintos fins.

Esta técnica consiste en aplicar o marketing tan frecuentemente empregado nas empresas sobre un territorio, que pode ser un Estado, unha rexión ou unha cidade. Baséase na idea de que os territorios compiten por recursos financeiros e humanos con outro territorios para compracer aos seus cidadáns e atraer clientes e inversores.  A única diferenza co marketing empresarial é que no caso do marketing territorial as plusvalías xeradas repártense colectivamente, polo que podemos dicir que se trata dunha ferramenta que está ao servizo do ben común.

O marketing territorial promove a identidade do territorio, xa que é unha condición necesaria para poder emprender un proxecto colectivo destas características, e por tanto crear unha imaxe de marca-territorio que se vincule a un sentimento ou a un determinado estilo de vida. Deste xeito, o territorio convértese nun produto, e se crea no consumidor ganas de consumilo.

A Costa da Morte podería ser un bo lugar que vender a cidadáns en xeral, investidores e a turistas, xa que ten un gran potencial de recursos que non están todo o explotados que deberían. Nunha zona como é a nosa comarca, que está a perder poboación, na que a xente xove emigra para encontrar un futuro mellor e na que non hai iniciativas empresariais que dinamicen a economía, o marketing territorial pode ser unha boa alternativa. Crear unha marca Costa da Morte coa que todos os habitantes, institucións e empresas nos identifiquemos e coa que transmitamos o noso estilo de vida pode ser a chave do desenvolvemento da bisbarra e, quizais, un paso cara a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Credes que o marketing territorial sería unha boa opción para contribuír ao desenvolvemento da Costa da Morte? Existe na nosa comarca a identidade territorial necesaria para aplicar este instrumento? Pensades que a aplicación do marketing territorial na Costa da Morte tería efectos sobre a igualdade entre homes e mulleres?

2 comentarios:

  1. Penso que o marketing territorial podería axudar moito a dinamiza-la Costa da Morte. Este é un territorio do cal os seus habitantes séntense parte, e para o que poderían potenciarse os caracteres identitarios que o diferencien e permitan dar maior repercusión a unha hipotética marca Costa da Morte. Ademais, conta co innegable atractivo do cabo Fisterra, un lugar que esperta a fantasía de moita xente fóra de Galicia e mesmo de España ou de Europa, e isto podería ser mellor aproveitado, non cres?

    ResponderEliminar
  2. Persoalmente, opino coma ti. Penso que o marketing territorial sería moi útil na Costa da Morte xa que a meirande parte dos seus habitantes sentimos unha enorme identidade co territorio e ademais conta con innumerables atractivos. Quizais o máis famoso, como ben dis, é o cabo Fisterra, pero existen moitos outros que poderían explotarse máis do que explotan (sempre dende a sustentabilidade, claro) e contribuír ao desenvolvemento da comarca.

    ResponderEliminar